VII Medio Maratón Vilagarcía

Nótase que ao final de tempada xa a motivación está na reserva, tanto para correr como sobre todo para escribir, pois non sei moi ben desde que perspectiva reseñar este evento. Así que probablemente me quede un artigo algo funcionarial, sen chicha.

cartaz da VII MM Vilagarcia

Non podo dicir que o percorrido sexa fermoso, porque non o é. Pero si podo dicir que é perfecto para facer unha boa marca, porque o é. Calquera que en Galicia pretenda facer marca persoal ten a Vilagarcía sinalada no calendario. Si ademáis a meteo do día é perfecta para correr (fresca e sen vento) xa temos todo en orde para dalo todo.

Quizáis debido a esto, a competitividade, hai xente que recela de participar. Non o entendo moi ben, pois xente competitiva haina sempre, pero o certo é que aquí correndo en 1h 42' acabas no percentil 80!! :O Catrocentas e pico persoas rematamos a carreira. Non é demasiado numerosa pero esto axuda a organización a controlar mellor o evento e poder proporcionar os servizos de xeito máis adecuado.

A Asociación do Comercio de Vilagarcía asumiu a organización de este evento tras un pequeno parón e xa vai pola sétima edición, sempre en favor de Caritas. O evento está perfectamente organizado e a loxística é simple ao estar todo moi concentrado nun mismo lugar. Persoalmente tamén me resulta moi cómodo participar, pois podo ir en tren e a saída está a cinco minutos andando desde a estación. Esquecer o coche é moi cómodo.

A carreira

Cheguei co tempo xusto para poder facer todo con calma pero sen pausa. Coller o dorsal, despelotarse, deixar a mochila no gardarroupa, quencer os pés e a correr. Prefiro chegar con tempo de sobra, pois saír con presas e estresado ponme de malas e xa comezo a disgusto. Facelo con calma polo contrario axúdame a desfrutar moito máis. De esto se trata.

No quencemento achegaronse dous rapaces a saudarme, cun sorriso amplo e unha actitude envexables. Oscar e Suso viñan a intentar facer marca persoal (mover o límite sempre é difícil) pero desvirtualizámonos e charlamos uns minutiños antes da carreira e démonos ánimos para a nosa empresa particular.

Tamén saudei a Dani e Montse, algún do clube de Boimorto, algún do Pino, etc. Cóstame moito lembrar os nomes e iso fastidiame, porque sei quen son e a súa historia pero non dirixirme a eles polo seu nome é como si non lles prestase atención a última vez que falamos. E non é así.

Con Dani e un par de compañeiros compartín os primeiros cinco quilómetros. Foime contando cómo viveu a súa participación no Maratón de New York. Sen dúbida un evento para vivir e desfrutar intentando deixarse enchoupar de toda a experiencia completa. Pero claro, tamén hai que correr 42km.

Deixeinos tirados ao entrar de volta na vila e puxen ritmo cruceiro. Intentando ir relaxado, constante, tendo moito tino de non quentar demasiado os pés (a estas alturas xa os notaba quentiños en non sufría o asfalto) fun deixando pasar os quilómetros controlando o ritmo ao que ía.

O "obxetivo", se tiña algún, era triple:

  • mellorar o tempo do ano pasado (non semellaba complicado)
  • facer menos de 1h45' (mal se tiña que dar se non me facía dano)
  • marca persoal descalzo nun medio maratón (que viña a resumir os dous puntos anteriores)

foto dos pes

correndo descalzo, foto grazas a Bea

Non adestrara específicamente para esto e case non corrín descalzo nas últimas semanas, pero o estado xeral de forma e a saúde facíanme ser optimista. Co ritmo que collín, algo por debaixo de 5'/km, e coa sensación de comodidade que levaba, pronto me sentín confiado en que non tería problemas para conseguir os obxetivos.

Así, levando unha hora de carreira, puiden esquecer o reloxio e correr como me apetecía os últimos nove quilómetros. Non tiña sede (só bebín un par de chopos de auga) nin o xemelgo dereito me molestaba (estivera uns días con el acartonado, contracturado) nin os pés me ardían (un perigo si perdes a técnica).

Desfrutar do día, ir animando a outras corredoras cando nos cruzábamos, saudar e agradecer ao público, comentar con algún compañeiro... todo moi agradable.

A cinco de meta ou así non sei si pillei a un compañeiro ou me pillou el, pero o caso é que tiñamos un obxetivo moi parecido e o ritmo ao que iamos tamén, polo que fomos comentando e desfrutando xuntos os últimos quilómetros. Xa nos demos conta de que tiñamos marxe de sobra libre dunha desgracia, e esto relaxa moito.

Os últimos tres quilómetros fun ao ritmo máis forte que podía sen descuidar a técnica, danar os pés é o único que me podía fastiar o día (e a marca) e só nos últimos cincocentos metros cambiei o ritmo... de xeito lamentable :D Un bluff de cambio de ritmo. Pero ben, mirando despois os datos vin que durante toda a carreira cada vez fun un chisquiño máis rápido, polo que repartín ben as forzas si estos últimos metros só puiden cambiar o ritmo de xeito suave. foto dos últimos quilómetros

Aquí co compañeiro, grazas a Bea

En Vilagarcía todo o mundo corre moito. Xa dixen arriba que fixen un tempo moi decente pero eso colocoume bastante atrás na clasificación. Nin me queixo, nin me arrepinto de ter corrido descalzo, só constato o feito.

en Meta

unha hora corenta e dous minutos. Obxetivo cumplido.

tarxeta Strava

Coller o refrixerio e a mochila, ducharme, un par de saúdos e saír pitando para o tren. Dez minutiños de espera que aproveitei para estirar o xemelgo dereito (que agora si o notaba ríxido) e para a casa a comer un bo cocido 😂

ate aquí

Que xa vai tocando descansar!!

Chega o final do ano e xa se me fai longo. Síntome ben, pero a cabeza tamén precisa descanso de todo esto. Durante as próximas semanas toca porlle o limitador ao garmin, saír só cando apeteza e non máis de unha hora, aproveitar os días que faga bo tempo para desfrutar trotando amodiño para non oxidarse, pero permitíndolle ao corpo unha tregua.

Desde Marzo (creo) estou a participar en carreiras populares, case todas tipo trail, e aínda que só un puñado delas as afronto intentando competir, sempre que vas a unha carreira acabas esforzándote por moito que digas que "só vas a pasar o día e desfrutar". Que tamén, pero ademáis corres.

Non estou saturado nin desmotivado, pero séntame ben este reset de final de ano, pensar en que obxetivos e eventos participar no próximo ano, cómo coidar mellor a saúde, etc. Despois do Nadal volta a ir aumentando pouco a pouco os quilómetros agardando que na primavera comece o ciclo novamente.

Por moitos anos!!